Saturday 18 de May de 2024

Iniciada a reforma integral da contorna do centro sociocultural da Ribeiriña


A principios do mes de decembro rematarán as obras de acondicionamento da contorna do centro sociocultural da Ribeiriña xa iniciadas, por un investimento de 47 314 euros con cargo ás arcas municipais, segundo anuncian a concelleira da Participación Veciñal e da Mobilidade, Rosana Pérez; a súa homóloga da Promoción Económica, Amparo Cerecedo; e Miguel Martínez, arquitecto do estudo encargado da redacción do proxecto.

Un dos principais problemas que se solucionarán será o da accesibilidade, por causa da orografía do lugar. Co obxectivo de cumpri-la normativa vixente e mellora-la mobilidade, construirase unha rampla de acceso dende a zona de aparcamento á entrada ao dito centro. Tamén se incrementará o estacionamento e habilitarase unha praza para persoas con mobilidade reducida.

Mantense a pista existente, que se verá mellorada cunha intervención que comprende a dotación dunha canastra de baloncesto, pinta-las liñas na superficie, a renovación das portarías, a reparación do peche perimetral e a colocación dunha porta de maior dimensión para o acceso de vehículos en momentos puntais para a descarga de material, xa que é colexio electoral, e a realización de actividades.

Colocarase, ademais, puntos de luz e unha billa con subministración de auga. Excavaciones Nima resultou ser a empresa adxudicataria.

Neste senso, a edil da Participación Veciñal e da Mobilidade explica que isto marca “o inicio dunha serie de actuacións que queremos levar ao resto de centros socioculturais para que cumpran a súa función de dinamización do núcleos poboacionais.” Engade que “A Ribeiriña era unha das zonas do concello que necesitaba máis atención”, polo cal agradece o labor que exerce a asociación veciñal do lugar e o seu constante diálogo coa Administración local.

A concelleira da Promoción Económica tamén adianta outras futuras accións, xa con cargo ao remanente da Tesouraría, que se traducirán no cambio das portas da planta baixa, a colocación de lámina vinílica no chan e a substitución da reixa da entrada.